Sunday 05 de May de 2024

Inés Rey destacou a creatividade dos participantes nos concursos de disfraces que pecharon un intenso Martes de Entroido


A rúa do Torre e o Campo da Leña foron o epicentro das actividades festivas durante a xornada, con protagonismo para os máis pequenos e tamén os choqueiros

O Entroido da Coruña chegou hoxe ao seu penúltimo día de celebración nun intenso Martes de Entroido, coa rúa da Torre e o Campo da Leña como puntos de atracción dunha xornada festiva no que o protagonismo recaiu nos máis pequenos e tamén os choqueiros.

As actividades polo Martes do Entroido comezaron, ás 12.00 horas, coas ofrendas florais na honra de catro célebres choqueiros da cidade: Fernando Amaro ‘Cantero’, Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato ‘Palau’. A primeira das homenaxes foi a ‘Cantero’ na rúa Arenal, 41, ás 12.00 horas. Ás 13.15 tivo lugar a ofrenda a Canzobre na praza do Parque. Posteriormente, xa ás 13.45 horas, presentouse a placa conmemorativa na rúa San Xosé na honra de Luis Ramón Pegerto Rodríguez e tamén houbo unha homenaxe floral a César San José no mesmo lugar. Por último, ás 14.30 horas, levouse a cabo a ofrenda floral a ‘Palau’ na praza Juan Manuel Iglesias Mato, na confluencia entre as rúas San Xosé e San Xoán, no barrio de Monte Alto.

Neste sentido, e como novidade, o Concello da Coruña promoveu este ano a creación do ‘Andar do Antroido’, un paseo da fama que anualmente lle dedicará unha lousa de pedra a un persoeiro destacado do noso Entroido. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, foi a encargada de destapar o pasado venres a lousa na honra de ‘Cantero’.

Todos os gañadores do Concurso Infantil de Disfraces e o Concurso de Choqueiros Ademais, esta tarde tivo lugar o Concurso Infantil de Disfraces no Campo da Leña. O acto, que comezou ás 17.00 horas, contou coa actuación do grupo Los Mecánicos. A competición foi plantexada en diferentes modalidades (Infantil Individual, Infantil Grupal, Choqueiro Individual e Choqueiro Grupal), sendo ‘Aurora Boreal’, ‘Piratas’, ‘Ourizo’ e ‘Carriño dos Xeados’ os gañadores despois da avaliación do xurado.

A continuación, ás 19.00 horas, comezou a Festa Choqueira e o seu concurso de adultos, coa rúa da Torre como epicentro da actividade e coa actuación en directo de Virtual Project. Xa ás 21.00 horas celebrouse a entrega de premios, con ‘Dragón’ e ‘Zara’ como gañadores nas categorías de Individual e Grupal, respectivamente. Tanto este concurso como o infantil estiveron protexidos da chuvia grazas a unha grande estrutura situada no Campo da Leña.

A alcaldesa, Inés Rey, foi a presidenta do xurado de ámbolos dous concursos. Ademais de destacar a imaxinación e creatividade de todas e todos os participantes, Rey tamén quixo agradecer o “comportamento exemplar da cidadanía durante as celebracións do Entroido”.

O punto e final ao Entroido, este mércores en Santo Amaro

Xa este mércores, 2 de marzo, o Entroido da Coruña chegará á súa conclusión co tradicional Enterro da Sardiña na praia de Santo Amaro, en Durmideiras. Nesta ocasión, polo 175 aniversario da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesáns da Coruña, o velorio da sardiña celebrouse na súa sede, situada na rúa de San Andrés, 36.

Mañá, Mércores de Cinza, as socias e socios da entidade conducirán á sardiña ata a rúa Arenal, desde onde partirá o desfile ás 20.30 horas en dirección ao Campo da Leña. Xa ás 21.00 horas, procederase á desentronización do Deus Momo e, a continuación, a comitiva irá á praia de Santo Amaro, onde se procederá ao enterro. A fin da festa chegará ás 21.30 horas, cunha sesión de fogos de artificio para despedir o Entroido da Coruña 2022.